Na orixe de moitos dos escritos deste blog están os documentos achados no arquivo particular de Gertrudis Nogueira Vidal que recolle maioritariamente documentos dos seus antecesores, xa vimos con anterioridade neste blog entradas sobre algún dos seus antergos, por iso incluímos unha árbore xenealóxico para maior claridade: xenealoxíanogueriavidal.
As datas que abarca o arquivo van de 1811 até a actualidade e a tipoloxía documental que contén é moi variada, atopamos hijuelas, compravendas, expropiacións, testamentos, permutas, escrituras, sentenzas, correspondencia, etc..
No noso caso define o carácter do arquivo familiar o feito de ser labregos todos os seus membros, polo que os documentos que achamos teñen que ver co devir na vida da xente común do campo galego, durante as datas que abarca.
A totalidade dos documentos que compoñen a colección están escritos en lingua castelá, aínda que en xeral para toda a toponimia úsase o galego; o estado de conservación en lineas xerais é bo, salvo algún caso concreto nos documentos máis antigos.
O maior número de documentos que atopamos é o de Hijuelas, as hijuelas son documentos xurídicos básicos no campo galego, nelas descríbense as propiedades dunha persoa concreta de resultas dunha herdanza, as propiedades van deste terreos e casas, até aveños e ferramentas, son por tanto fundamentais no sistema de propiedade do campo galego. Precisamente nesta linea de documentos xurídicos de propiedade da terra, atopamos que o segundo e o terceiro lugar en importancia dentro da colección ocúpano tamén documentos como son as expropiacións de terras e as compravendas, destas últimas de dez documentos oito son compravendas de terras e dúas compravendas de casas. No caso da familia Nogueira Vidal que principalmente tivo como lugar de residencia Bendilló, destacan un gran numero de expropiacións, isto débese a que o territorio no que se atopa a aldea é unha entrada natural desde a meseta ao interior de Galiza, nel construíuse unha estrada nacional, un encoro hidroeléctrico e a liña do ferrocarril, polo que os veciños foron expropiados en varias ocasións para acometer esas grandes infraestruturas.
Seguindo esta liña de documentos relacionados coa propiedade da terra en cuarta posición temos numerosos documentos de permuta, é pois moita a importancia da terra para o labrego e é o que maioritariamente define a composición deste arquivo familiar.
DOCUMENTO | Nº | % |
HIJUELAS | 19 | 22 |
COMPRAVENDAS | 10 | 11 |
EXPROPIACIONS | 16 | 18 |
TESTAMENTOS | 3 | 3 |
PERMUTAS | 5 | 6 |
ESCRITURAS | 1 | 1 |
SENTENZAS | 1 | 1 |
VARIOS | 31 | 36 |
Logo xa en menor proporción atopamos outros documentos como testamentos, escrituras e un numeroso apartado de varios, no que se inclúen documentos moi diversos que van desde contratos de préstamo, recibos de gastos, contratos de arrendamento, autorizacións, correspondencia, etc...
Estes pequenos arquivos familiares son un valioso recurso de información para a investigación histórica, aínda que na maioría dos casos só préstase algo de atención aos arquivos particulares de personaxes destacados, parécenos de moita importancia tamén estas pequenas coleccións de documentos que dan noticia da vida da xente común, dos nosos antepasados, humildes labregos galegos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario