viernes, 3 de septiembre de 2010

CARLOS CHARLES RODRÍGUEZ MARTINES


















Hoxe enterámonos da triste nova de que o 15 de Maio deste ano finou en Elizabeth, Nova Jersey, á idade de 93 anos o músico galego Carlos Rodríguez Martines, que foi veciño de Paradaseca e cabeza visible do celebérrimo grupo quirogués “Os celtas de Paradaseca”. Dende a nosa humilde ventá queriamos renderlle unha sentida homenaxe a aquel que tanta ledicia levou coa súa musica por todas as aldeas do lugar, sendo Bendilló unha delas. E que mellor homenaxe que lembrar a súa traxectoria recollida no artigo publicado en “A Nosa Terra” (nº 1242, novembro 2006) por Xose P. Mondelo.


OS CELTAS DE PARADASECA.

Os Celtas de Paradeseca foi a agrupación musical quiroguesa de máis sona. Conformada primeiro como un quinteto, para logo se constituír definitivamente como cuarteto de gaita, requinto, caixa e bombo, a súa presenza era obrigada en tódolos lugares da contorna que se prezasen de armar unha festa como é debido. Da montaña ao val, non había ramista de comisión que non devecese por contar co seu concurso, quedando xa, dun ano para o outro, apalabrada a súa actuación.

Carlos Rodríguez Martines, o seu recordado creador, provén dunha estirpe músical. Seu avó fora un gaiteiro ben coñecido, o tío Juanito, que din que chegou a tocar perante a corte do rei Afonso XIII. E seu pai, que marchara a principios do século para o Norte, integrárase alí nunha banda masónica norteamericana, onde tocaba o requinto. O seu fillo Carlos xa naceu en América, regresando toda a familia para Paradaseca no 1924, cando o neno tiña oito anos. Un día do ano 1926, despois de ver unha actuación de Os Trintas de Trives, nas festas de Quiroga, o rapaz decidiu que a súa vida estaría para sempre dedicada á musica. Pediulle a seu pai que lle ensinase os misterios do requinto, as nocións musicais básicas e ata hoxe. Despois de percorrer cos Celtas todo o país quirogués e as terras de Lemos, Brollón, de Trives e Caldelas, de Valdeorras e do Bierzo, competindo cos propios Trintas de Trives e cos Trabazos de Caldelas, para os que acabaría facendo arranxos musicais, o Carlos marchou de novo para América no ano 1950 –logo de estar preso e canso de ser molestado polas forzas da orde, el que fora un entusiasta republicano que pasara longos anos agochado nunha cova e fuxido polas serras-. Alí, durante máis de vinte anos, dirixiu a agrupación folclórica Terra a Nosa da Casa Galicia de Nova Iorque e fundou numerosas orquestras de música española e latinoamericana (Trovadores de España, Ecos de España) así como unha orquestra de jazz (The Golden Echoes) na que tocoba marabillosamente o saxo alto, como antes o fixera co requinto, co clarinete e coa gaita. Carlos Rodríguez Martines vive actualmente en Nova Jersey e garda un recordo emocionado dos moitos músicos populares quirogueses dos que aprendeu a sentir a paixón musical: de Eladio, o cego de Outeiro do Courel e de Celia, a súa filla; de Francisco, o Pata de Pau, de Parada de Lor; do Lelo e do Mingos de Os Novaes; do Manuel, o gaiteiro do Toxo, de San Clodio; de Felisa, a gaiteira de Bendilló... Mais de quen garda a máis doce memoria é dos seus vellos amigos e compañeiros dos Celtas, aínda felizmente vivos coma el, uns en Quiroga e outros en diferentes lugares de Ámérica: de Feliciano, o grande bombeiro de Paradaseca (o que non levará zoupado no seu bombo, grande como unha fogaza, o bo do Feliciano!); de Euxenio, o do requinto, e de seu irmán Camilo, o da gaita de chaves, que reside en Bos Aires; de Xaime, o da caixa, que reside en Nova Iorque, cabo do seu irmán Carlos... e do señor Daniel, o pai de ambos, o músico que xa tocara de noviño en América e que co seu maxisterio formara a toda unha xeración de rapaces que fixeron de Paradaseca un dos lugares onde con máis forza agromou o amor pola música da nosa terra.

Desde esta beira do atlántico quixeramos que chegase até don Carlos Rodríguez Martines a sentida gratitude dos veciños do val polos ledos días que pasaron ao son do seu requinto e da súa gaita, durante aqueles anos tristes da posguerra nos que a música dos Celtas de Paradaseca aloumiñara tantos corazóns machucados.

X. PÉREZ MONDELO



No hay comentarios:

Publicar un comentario