lunes, 25 de octubre de 2010

DON JUAN: JUAN JOSE PRADO NOGUEIRA

Juan Jose Prado Nogueira coñecido por todos en Bendilló como DON JUAN , chegou a nosa aldea nos anos 50, aínda que xa antes andaba polo concello.

Orixinario de Ferrol, era fillo dun xeneral da Mariña, de profesión químico, a política non lle trouxo mais que dor. Contan os que o coñeceron que os seus pais os mataron os rusos, deixándoo orfo xunto os seus nove irmaos; despois seguindo a ideoloxía da súa familia (onde case todos eran militares) simpatizou ca falanxe e viuse envolto nalgún suceso que deu lugar a seu desterro por orde de Franco[1]. No curso da nosa investigación atopámonos ca existencia dunha serie de semellanzas entre a biografía de Juan Jose e a de Jose Luis Prado Nogueira que nos induce a pensar que posiblemente Jose Luis fose un dos nove irmaos de Juan Jose, de ser asi o noso protagonista seria irmao dun destacado poeta da xeneración da posguerra, que hoxe en día esta bastante esquecido pero que ten unha extensa obra poética entre a que destaca “Miserere en la tumba de R.N.” coa que gañou o premio nacional de literatura.

Retomando o noso fío condutor, Don Juan foi desterrado por Franco a un pobo das aforas de Madrid onde tiña que presentarse a Garda Civil cada pouco tempo, non sabemos que aconteceu pero o caso e que o noso protagonista voltou a Galicia, segundo nos contan veu dar clases os enxeñeiros que traballaban no salto de San Clodio, e ali foi onde coñece a veciños de Bendollo, Cereixido e Bendilló.

Nun primeiro intre vivirá en Cereixido, despois será acollido na casa do Gaspar en Bendollo e finalmente instalarase definitivamente en Bendilló.

En Bendilló non tiña casa nin diñeiro, naqueles tempos de posguerra tampouco había moitos cartos nas casas dos labregos da aldea, pero entre todos acollérono; paraba principalmente na casa da Pepa, e despois comía un día na casa dun veciño outro día noutra, non lle faltou un humilde prato de caldo que levar os beizos.

Os seus estudios fixeron posible que exercese de medico do pobo e de mestre, había que se buscar a vida, por iso él sempre foi Don Juan, foi un medico excelente segundo nos relatan os veciños, cando había alguén doente unha casa él velaba o enfermo toda a noite pois cada tres horas había que lle subministrar a Penicilina; as súas recetas preparábanas na farmacia de Quiroga sen dubidar un intre, como se foran feitas por un medico titular. Para gañar unhas pesetas daba clases particulares, e exerceu de mestre na escola do pobo, antes as señoritas da capital que lles tocaba dar escola nas aldeas e non querían vir a elas pagaban un substituto, o noso Don Juan foi suplente algún ano.

Nos primeiros anos que estivo no concello a Garda Civil levouno detido a Lugo, pero pronto foi posto en liberdade; durante moitos tempo non deu sinais de vida para a súa familia, ata que alguén púxose en contacto ca súa familia en Ferrol e desveloulles onde estaba Don Juan o que motivou a visita dos seus irmáns a Bendilló, nunca se viran na aldea xentes tan finas, os irmaos eran militares de alto rango e as irmás, a dicir das xentes, mozas moi elegantes e distinguidas. Don Juan non quixo voltar con eles para Ferrol e decidiu quedar ca súa “familia del pueblo” e cos seus amigos (foi moi amigo de Antonio Nogueria Abelaira do que xa falamos con anterioridade), aínda que a partir dese intre as súas condicións melloraron, xa dispuxo de mais cartos e comezou a viaxar a Madrid, onde tiña parte da familia e a Ferrol, nun deses viaxes a Madrid íalles prestar os veciños de Bendilló un importante servizo, encargáronlle a tarefa de intentar que lles fosen abonados uns cartos que se lles adeudaban pola expropiación dos terreos para facer a estrada e que as autoridades non daban pagado, a súa mediación foi un éxito e Don Juan conseguiu o pago das expropiacións.

Finalmente Don Juan, nos anos 70, caeu enfermo e foi coidado na casa da Pepa ata que a súa familia de Ferrol veu buscalo, pasou os seus derradeiros días nesa cidade, os veciños de Bendilló falan con respeto, admiración e cariño desa figura que foi un membro mais da nosa aldea nos tempos difíciles da posguerra.


[1] É dificil obter información sobre estes sucesos, a represión que exerceu Franco contra certos sectores da Falanxe esta pouco estudada e na prensa todo foi silenciado polo que non podemos aportar moita luz sobre este episodio.