jueves, 15 de abril de 2010

A GAITA MÁXICA DA FELISA DE BENDILLÓ



Ei vai unha trascripción do magnifico artigo escrito por Xosé P. Mondelo sobre a nosa paisana Felisa Vidal.


A GAITA MÁXICA DA FELISA DE BENDILLÓ. Xosé P. Mondelo, A Nosa Terra nº1129

As magníficas gaiteiras que triunfan en Galiza teñen unha nai artística. Felisa Vidal encheu de maxia as terras de Quiroga coa arte do seu instrumento hai 75 anos.

Bendilló é a capital galega do aceite. No seu centenario muíño aínda se moen as olivas que por todos os invernos se recollen das vellas oliveiras que inzan de fermosura clásica as encostas e o val de Quiroga. En estando o froito en sazón, unha vez vareado e carrexado até o muíño, os burriños pacientes e laboriosos do lugar turran da enorme pedra do enxeno artesanal para tirarlle á oliva o ouro liquido.
Neste ámbito máxico, entre o Sil e a serra alta, na aba da montaña, naceu no ano 1903 Felisa Vidal Nogueira, que andando os anos íase converter nunha leda moza gaiteira, que malia o tempo pasado segue a ser recordada pola xente con moito agarimo e un aquel de admiración. Como foi para chegar a se converter na lendaria gaiteira de Bendilló? Din que foi un seu tío o que vendo a graza da rapariga animouna a aprender a tocar a gaita. Seica o tío vira nalgures tocar unha gaiteira e cavilou que había ser bo que a súa sobriña tamen fose quen de tocar. E meu dito, meu feito: falaron cun mestre gaiteiro da Pobra do Brollón, o señor Alfredo, e este deu en lle aprender os segredos básicos do instrumento. Como a rapaza era ben espelida e colleulle gusto ao estudo, aprendeu a tocar nun mes. Tiña daquela 17 anos.
A rapaza xa era quen de facer falar o instrumento e compañía non lle había faltar. Cos seus dous tíos mais outro familiar, cuñado deles, formaron un cuarteto. Velaí os nomes dos componentes desta singular formación: o tío Clamades co requinto, o tío Antonio coa caixa, Narciso, no bombo, e Felisa coa súa gaita, como máxima atracción. Sobre o nome do grupo, se é que o tiña, ninguén sabe dicir verdade certa: uns falan de Las Perlitas, nome que semella ben pouco axeitado. Outros recórdanos como As Gaiteiras de Bendilló, así, en femenino e plural, cousa que parece máis asisada tendo en conta que ás veces tamén participaba no grupo unha súa irmá, Blandina, cando o do bombo faltaba. Por certo, andando o tempo, os dous bombeiros, Narciso e Blandina, acabaron casando e marchando para Buenos Aires.
Felisa podía sentirse ben arroupada para poder andar por aqueles camiños de Deus onde eran reclamados para tocar, sempre con moito éxito. Cantas veces tiñan que erhuerse ao romper o día a andar logo leguas e leguas de camiño, atravesando serras e vieiros infindos, para voltar no empardecer despois de tocaren a día enteiro. Todo por uns pouquiños pesos. Era tal o reclamo da súa presenza que en moitos lugares pedían que, despois de tocar cos compañeiros, botase unhas pezas ela soa. A xente quería ouvila tocar e a rapaza aínda sacaba algúns reás a mayores coas súas actuacións de solista.
Viaxaban moito polas aldeas próximas da serra e do val, pero máis ca nada por terras de Valdeorras e do Bierzo. Mesmo hai quen lembra duna vez que foran tocar a Villalpando. Noutra ocasión, por Pombriego, contan que dous lugares enfrontados estaban a celebrar o mesmo día as súas festas. No que tocaba Felisa foise amoreando a xente, de xeito que pouco a pouco tamén foron acercándose os do lugar veciño – por me ver a min, dicía orgullosa Felisa- quedando baleiro o campo da festa do pobo rival. Daquela, aos seus ramistas non lle quedou outra que mandar os outros gaiteiros de volta para a casa.
Mais non todo debeu ser tan doado para a nosa gaiteira. Lembran os vecinos da zona que a viron tocar cando eran noviños, que os máis atrevidos deron en dicir que era unha baixeza o que facía, que onde se viu unha muller tocar a gaita, que se estaba tola... Non debeu serlle doado abrirse camiño, e como outras pioneiras en tantos outros campos, tamén houbo de cargar coa incomprensión e o peso da tradición e da ignorancia.
Felisa casou aos 28 anos e abandonou a súa actividade musical. Unha magóa. Era o ano 1931 e despois dunha década de espallar ledicia entre o pobo, a gaiteira de Bendilló esqueceu nalgures a sua gaita máxica que só recuperou para alegrar algunha festa íntima ou do lugar.
Felisa Vidal morreu o mesmo día que cumpría os noventa anos entre o respecto e a admiración dos seus vecinos, que gardan dela unha moi grata memoria. Todos lembran a seu carácter alegre e a seu porte digno, co seu cabelo sempre recollido nun feitiño penteado, a tecer na roca lembranzas de mocidade. Hoxe en que tantas rapazas gaiteiras están a causar abraio na nosa terra e polo mundo adiante, queremos lembrar esta rapaciña gaiteira, que desde Bendilló, en tempos ben máis difíciles, sementou tanta ledicia nos campos da festa da nosa terra e fonda emoción no corazón dos seus vecinos e admiradores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario