martes, 4 de mayo de 2010

O TOURO DE BENDILLÓ: Laio polo antroido de tempos idos



De novo un estupendo artigo escrito por Xosé Mondelo sobre o Entroido en Bendilló, publicado no xornal "A Nosa Terra" nº1257

O TOURO DE BENDILLÓ: Laio polo antroido de tempos idos

En tempos celebrábase en Bendilló un antroido moi singular, e velaí as imaxes que non menten. Un antroido que cumpría todos os rituais propios desa celebración. Non nos sería doado imaxinar todo o potencial lúdico desta festa no mundo rural de non contarnos co testemuño oral das persoas de máis idade ou de evidencias gráficas como estas vellas fotografías.
Este lugar do concello de Quiroga, deitado na aba da montaña, a medio camiño entre o Sil e a serra alta, collendo cara a Montefurado, é a capital galega do aceite e o berce da lendaria gaiteira Felisa Vidal Nogueira, que tantos corazóns ten aledado polos campos de festa da Galicia do primeiro terzo do pasado século. Como outras aldeas do país, este universo harmónico –rico e pleno malia súa humildade- deu en esmorecer paseniñamente até ficar no silencio. E neste silencio dos nosos lugares foi afogando tamén a festa: aquel antroido de Bendilló, aquela festa do San Xoán das Farrapas.
Só neste universo autónomo e rural é posible entender o auténtico sentido do antroido, unha festa na que todos se confundían e participaban, nun tempo en un espazo con regras de seu e por todos acatadas. O touro e o toureiro eran os personaxes centrais deste antroido, os máis temidos e agardados. Canto medo non teñen pasado os rapaciños da aldea en vendo baixar o touro desde o cimo até o fondo do lugar, a topar en cantos se lles ponían diante! Canto rebumbio na aldea! O touro, os cornos do touro! Como noutros antroidos de Galicia e do mundo adiante, a presenza dun animal a escorrentar as xentes. Así no veciño concello de Brollón, a ferocidade do oso de Salcedo e dos seus acompañantes, baixando da serra para atrapar nas súas poutas a concorrencia e perseguila incansable polos rueiros. E o touro de Manzaneda ou a morena de Laza.
O feito diferencial do antroido de Bendilló é que canda o touro aparece a figura do toureiro (quizais nunha simbiose de elementos ancestrais con outros propios da tauromaquia).O touro feito cun armazón de madeira, recuberto dunha saba de cores, do que sobresaían os cornos máis feros e picudos, e do que termaba un mozo forte a habelencioso. Ao seu carón o toureiro, ámbolos dous de camisa e calzas brancas e fitas de cores, a turrar dos miróns e dos nenos, sempre con coidado de non magoalos, mais si de lles meter o susto no corpo.
Era o martes de Antroido cando estes dous personaxes corrían a aldea toda, de arriba a abaixo, sen descanso. O día grande da festa: o día da gran mecada, dos disfraces máis ocorrentes, da pampóniga –unha esbelta figura que chegaba aos tellados das casas- das carrozas sobre os carros dos bois e do baile na aira, as portas das adegas sempre abertas. Unha festa á que non faltaban os mellores grupos de música daquel tempo, na que tantos anos teñen tocado os Celtas, os Trintas e Os Trabazos, cando non se botaba man dos numerosos músicos do pobo nos días menores, pois sempre houbo unha gaita, un bombo ou un requinto nas casas.
Ese día ceibaban as cabalerías polas hortas, entre a cebada dos vecinos, a outro marchábanlle co pote ou cun xamón... e así as trangalladas máis inocentes, sen que ninguén se anoxase. Nenos, vellos, rapaces, mulleriñas, xentes da contorna, todos a participar destes días de ledicia, liberadora. O carnaval non ten dono, é do pobo.
O martes era o estourido final dun tempo que comezara co domingo fareleiro, mozos e mozas a se enzoufaren as caras de fariña ou cinsa, as mans ben molladas na feluxe do forno. Batallas de mulleres e homes nas que tamén se usaban os tascos do liño como arma; queimábase o refugallo do liño e botábanse ardendo á cabeza ou entre as pernas ... se se podía. Un enredo que se mantiña ao longo de todo tempo de antroido, cunha carga sensual que tamén estaba moi presente nas celebracións do xoves de compadres e de comadres.
Este día os rapaces facían as comadres, unhas bonequiñas de esquelete de palla e recubertas de papel de cores, a cada cal máis bonita, que espetaban en longos rascallos, saíndo en procesión pola aldea, un pasarrúas con banda e todo (as mozas desde os corredores a tratar de alcanzar as comadres). Ían cos fachóns e coas comadres e queimábanas, as rapazas atrás deles tentando que non as queimasen. Tratábase dun novo combate cheo de colorismo e sensualidade, unha loita por lucir a comadre máis bonita e non deixarse dobragrar polo outro sexo. O xoves de compadres eran elas as que tiñan que agudizar o seu poderío: facer o compadre máis lucido e non deixarse vencer, conseguiren que o boneco ardese entre as chamas.
O carnaval era de todos, novos e vellos. Daquela había moita necesidade, mais tamén moita ledicia. Cada un divertiase como mellor podía. Mais este tempo acabou. Despois da guerra non se puido celebrar moito o antroido: xa non deixaba o goberno. Así e todo, os de Bendilló sempre foron amigos da festa e seguiron a correr o antroido até ben anos despois.Uns anos, contra os cincuenta, nos que a mocidade deu en marchar polo mundo adiante, como antes fixeran tantos, e as casas foron pechando e non houbo máis música nin volveu a amosar o touro os seus cornos prateados. Todo se volveu soidade e pranto e non había gana ninguna de trangallada. Só de laiarse de tanta falsa antroidada como asolaba a patria. E de lembrar no silencio da memoria, e desde a distancia, aqueloutro tempo feliz e popular na Galicia amada. Ai, aquela festa das Farrapas a aquel antroido de Bendilló, aos que acudían os vecinos todos da redonda, desde Vilaester a Chao da Casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario