jueves, 18 de noviembre de 2010

BENDILLO NO CATASTRO DE ENSENADA DE 1752: PARTE I

Se queremos saber como era a sociedade e a economia da nosa aldea a mediados do s. XVIII é imprescindible consultar o Catastro de Ensenada de 1752, a coroa de España puxo en marcha este proxecto para recoller información de todos os lugares do país coa finalidade última de reunir os datos que lle permitisen pór en marcha unha única contribución.

Ao estudar o Catastro comprobamos que o interrogatorio sobre Bendilló celébrase á vez que o de Villaester polo que a información sobre ambas esta contida no mesmo documento, nós centrarémonos principalmente nos datos recollidos sobre a freguesía de Bendilló, nesta primeira parte analizaremos brevemente o que incumbe á xurisdición, impostos e oficios.

Bendilló era de xurisdición do señorío eclesiástico de Encomenda de Quiroga, propia da relixión dos cabaleiros de San Xoan de Malta ou Xerusalén, teñen pois o dominio xurisdiccional (isto significa que son a autoridade, cobran os tributos e imparten xustiza) e tamén teñen terreos que son do seu dominio directo e que están aforados.

O feito de que o reino de España queira instituir unha contribución única non é casual porque como imos ver son moi numerosos os impostos que teñen que pagar as xentes e deles só uns poucos van á coroa, o resto, a maior parte, cóbraos a Igrexa.

BENDILLO 1752

IMPOSTOS PARA A COROA

1.- Alcabalas e centos ........... 375 reais de vellón.

2.- Sisas, millóns e sisas de carne ..... 315 reais de vellón.

3.- Servicio ordinario e extraordinario ... 96 reais de vellón.

IMPOSTOS PARA A IGREXA

1.- Primicia ............ 43 ferrados e 1/2 de centeo mais 8 maravedies de vellón.

2.- Boto do Apostolo .............. 19 ferrados e maquila e 1/2 de centeo mais 7 canados e 8 quartillos de viño.

3.- Diezmos ........ sen determinar

É precisamente o diezmo o imposto mais gravoso de todos, aínda que o Catastro non apunta a cantidade, cousa que non é casual, era unha cantidade moito maior que a Alcabala e que a Primicia e viña sendo a décima parte de todas as ganancias.

No catastro de Ensenada recóllese que nese momento existía un preito entre Encomenda de Quiroga e os veciños de Bendilló que acudiron á xustiza do rei para non ter que pagar o imposto da Luctuosa, un tributo que se pagaba polos bens das persoas que falecían, como vemos a carga impositiva que tiñan que soportar as xentes de Bendilló era moi grande.

Segundo o catastro en Bendilló había neses momentos 42 veciños [1], entendendo por veciños as cabezas de familia, o número de habitantes sería maior; 54 casas, 25 adegas, 31 currais, 6 sequeiros e 10 casas arruinadas; tamén había un muíño fariñeiro no arroio de Peizais, ademais de 2 tabernas, unha nas casas da “Esfarrapa” e outra no pobo. Vivian entón na súa maioría labregos, segundo o catastro uns 28 que cultivaban as súas propias facendas, 2 aforados, 3 texedoras, 2 ferreiros, 1 carpinteiro, 1 molineiro e tamén unha muller pobre.

Todas estas xentes e os seus capitais debían de producir renda suficiente para o seu mantemento e para o pago dos numerosos impostos que pesaban sobre eles, como vemos Bendilló estaba incluído no réxime señorial galego, este correspondíase cunha organización do territorio de orixe medieval que fragmentaba o territorio e a administración dando lugar a un sistema bastante caótico que xunto á vixencia do sistema foral supuxo unha importante traba para o desenvolvemento da economía da nosa comunidade que como o resto do campo galego non se modernizará até a chegada do s. XX.



[1] Seguramente nesta cifra estean incluídos os veciños de Vilar de Mondelo que pertencian á feligresia de Bendilló.

No hay comentarios:

Publicar un comentario