miércoles, 16 de febrero de 2011

MULLERES NA VENDIMA


Hoxe publicamos un interesante documento gráfico que chegou as nosas mans gracias a xentileza de Sara Mondelo Nogueira, nel vemos as mulleres de Bendilló nas labouras da vendima cando ainda se usaban os cestos de castiñeiro, pola vista parecenos que estan no lugar da Medorra.

lunes, 24 de enero de 2011

“LIBRO DE LOS SECRETOS DE LA AGRICULTURA, CASA DE CAMPO Y PASTORIL”

Non é frecuente atopar libros antigos nas casas da aldea de Bendilló, como no resto das aldeas antes unha porcentaxe moi grande dos veciños non tivo a oportunidade de ir á escola senón que desde moi pequenos íase a traballar, polo que os libros eran un articulo bastante escaso, por iso parécenos interesante mencionar o achado dun unico libro na casa da Hedra, a casa dos Nogueira Abelaira; o libro en cuestion é un libro que tivo moita difusión no seu momento, o seu titulo é: “LIBRO DE LOS SECRETOS DE LA AGRICULTURA, CASA DE CAMPO Y PASTORIL” de Frei Miguel Agustín, editado en 1722 en Barcelona; consiste nun tratado agrario do século XVIII onde se recollen todo tipo de saberes relacionados co campo, sobre o horto, as sementes, a plantación, remedios caseiros para enfermidades, sobre a fabricación do pan, sobre a lúa e os planetas e a súa relación coas plantas, etc.. Todo un manual de agricultura e saberes diversos de grande utilidade para as xentes do campo, o noso exemplar sen dúbida foi consultado moitas veces posto que xa ten un deterioro importante, perdeuse a portada e esta protexido por unha cuberta de coiro bastante tosca cosida con tiras de coiro tamen que lle dá un aspecto bastante rustico. Como vemos en Bendilló os veciños non vivian illados do mundo senón que coñecían aqueles temas que eran do seu interese.

lunes, 10 de enero de 2011

1892: EMIGRACIÓN A CUBA




O Documento[1] que presentamos hoxe sérvenos para estudar outro momento da historia da nosa parroquia. Trátase da autorización que concede Isabel Vidal, veciña de Vilar de Mondelo ao seu marido José Rodríguez López para emigrar a Cuba, no reverso do documento atopamos un certificado expedido polo alcalde de Quiroga D. Severo Álvarez onde di que o mencionado é xornaleiro do campo, vexamos a trascripción detallada de ambos documentos:

“En la casa consistorial de S. Martín de Quiroga á quince de febrero de mil ochocientos noventa y dos. Ante el Sr. Alcalde y mi secretario compareció Jose Rodríguez Lopez vecino de Vilar de Mondelo é Isabel Vidal vecina también del expresado Vilar, provistos de sus correspondientes cedulas personales, manifestando la Isabel que concedía permiso á su marido para que pudiese dirigirse á la isla de Cuba en demanda de trabajo aprovechando el viaje gratis que concede el Gobierno. No firman ninguno de los dos por lo que lo hacen a su ruego Eufrasio Díaz y Manuel Rodríguez vecinos de esta villa [firmas]”“Severo Alvarez, Alcalde del Ayuntamiento de Quiroga, CERTIFICA: que Jose Rodríguez Lopez, vecino de Vilar de Mondelo en este distrito, es jornalero del campo y se dirige a la isla de Cuba con objeto de dedicarse a las faenas agrícolas. Y para que conste á petición del interesado expido la presente que firma en Quiroga a quince de febrero de mil ochocientos noventa y dos. Firmado Severo Alvarez”


Dende 1868 España enfrontouse en Cuba a unha insurrección anticolonial que se estendeu durante dez anos, para contrarrestar esta situación pensouse en promover a inmigración dende a península, así o Goberno comezou a ofrecer viaxes gratuítas a Cuba coa finalidade de levar xornaleiros e familias á illa, neste contexto histórico enmárcase o documento que hoxe analizamos, só un ano antes en 1891 creouse a "Sociedad Protectora del Trabajo Español en las posesiones de Ultramar", é con esta institución con quen viaxará a Cuba o noso protagonista, do porto da Coruña partía o 21 de febreiro de 1892 o buque Alfonso XIII da Compañía Transatlántica levando a bordo a José Rodríguez López coa tenra idade de 24 anos[2] non sabemos canto tempo estivo en Cuba, nin se regreso ou non a Galicia, pero o certo é que as condicións para traballar debéronse volver criticas en 1895 cando comeza a guerra entre Cuba e España, guerra que como é ben sabido finalizou en 1898 coa vitoria de Cuba que logrou a súa ansiada independencia.


[1] Pertence ao Arquivo persoal de Gertrudis Nogueira Vidal.


[2] Asi consta na lista de embarque AHN, ULTRAMAR, 176, Exp.2

jueves, 9 de diciembre de 2010

BENDILLÓ NO CATASTRO DE ENSENADA DE 1752: PARTE II

Continuando coa análise do Catastro de Enseada de 1752, nesta ocasión centrarémonos en ver como era a economía dos nosos veciños naquela época.
O Bendilló de 1752 tiña o seu substrato económico na agricultura e a gandería, os cultivos que podiamos atopar nesa época non difiren apenas dos que hoxe en día seguense cultivándo, así os nosos antepasados cultivaban trigo, centeo, liño, nabos, castañas, viño, aceite, coles, cebolas e cabazas que eran principalmente para o autoconsumo, a información que nos proporciona o catastro é sumamente detallada por non estendernos demasiado limitaremosnos a dar algunhas cifras de produción de soutos de castiñeiros e oliveirais para que vexamos o que rentaba o seu cultivo nestes tempos:

CASTAÑAS: Nun ferrado[1] de terreo de souto adoitaba haber aproximadamente seis árbores, segundo se o terreo é de secano ou de regadío produce:
De Regadío
- de 1ª calidade .............8 ferrados[2] de castañas
- de 2ª calidade .............7 ferrados de castañas
- de 3ª calidade .............6 ferrados de castañas
De Secano
- de 1ª calidade .............7 ferrados de castañas
- de 2ª calidade .............6 ferrados de castañas
- de 3ª calidade .............5 ferrados de castañas
Ademais este mesmo terreo produce anualmente en leña un real de vellon[3] ao ano.

OLIVEIRAS: Nun ferrado de terreo caben doce oliveiras que producen:
-de 1ª calidade ............. 24 cuartillos[4] de aceite
-de 2ª calidade ............. 20 cuartillos de aceite
-de 3ª calidade ..............16 cuartillos de aceite


A parte das especies mencionadas tamén existían en Bendilló outras especies pero nun número moi pequeno, este é o caso de cerdeiras, maceiras, morais, etc ... destes últimos hoxe en día quedan moi poucos.
Ademais da agricultura tamén os nosos veciños posuían ganados para complementar a súa economía, estes eran principalmente: cabras, lechones, ovellas, bueyes, vacas, galiñas, capóns e polos. Entre ambas cousas, agricultura e gandería subsistíase en Bendilló en 1752, para que teñamos unha idea do que custaban as cousas e dos ingresos que entraban nas casas preparamos un cadro que nos dá unha idea aproximada do custo da vida naqueles momentos grazas á información que proporciona o Catastro de Ensenada.

FROITOS
Un ferrado de trigo ..................... 7 reais.
Un ferrado de centeo ......................... 5 reais.
Un ferrado de linaza ........................ 10 reais.
Un ferrrado de castañas verdes ..... 2 reais.
Un ferrado de castañas secas ........... 7 reais.
Un canado[5] de viño ..................... 12 reais.
Unha libra[6] de liño ......... 2 reais e medio.
Un cuartillo de aceite............. real e medio.

GAÑADOS
Unha ovella en leite produce ............. 3 reais ao ano
Unha ovella en lá produce ........ real e medio ao ano.
Unha vaca coa súa cría ... 16 reais ao ano.
Un par de vacas sen cría ........... 20 reais ao ano.
Un par de bueyes de labranza .......... 33 reais ao ano.
Unha lechona .................................... 11 reais ao ano.
Unha cabra coa súa cría sen leite ........... 3 reais ao ano.
Unha galiña ........................................... 2 reais ao ano.
Dous capóns .......................................... 5 reais ao ano.
Un carneiro..................................... 10 reais ao ano.
Unha libra de liño ................. 2 reais e medio ao ano.
Unha libra de cera .................... 10 reais ao ano[7].


SALARIOS
Un xornaleiro gañaba 3 reais ao dia.
Un carpinteiro gañaba 3 reais ao dia.
Un ferreiro gañaba 4 reais ao dia.

Co que vimos até agora podemos ter unha clara imaxe de como seria o marco económico no que inevitablemente estaban inscritos os veciños de Bendilló en 1752, sen dúbida unha época na que a xente vivía de maneira sustentable no seu medio natural pero afogados por un sen fin de impostos que haberia que pagar á igrexa e á coroa como vimos con anterioridade.


[1] Un Ferrado de terreo en Quiroga equivale a 465,82 m²

[2] O Ferrado ou Tega como medida de capacidade equivale a entre 12 - 20 Kg. Depende do tamaño do caixón de madeira que se coñece co mesmo nome (Ferrado ou Tega) e do tamaño do que conteña, non é igual castañas que trigo.

[3] As moedas que circulaban nesta época eran principalmente de tres tipos:
De cobre: maravedies
De prata: reais
De ouro. escudos
A equivalencia entre eles venia sendo de 1 escudo = 16 reais; 1 real = 34 maravedies; o real de vellon que se menciona no catastro foi unha moeda de conta non fisica até 1808 aproximadamente cando xa se comezan a acuñar e a equivalencia seria 2,5 reais de véllon= 1 real de prata.

[4] Un cuartillo equivale a 0,63 litros, di textualmente o catastro “... y para medir el vino y el aceite se usa peculiarmente de la medida que llaman Cañado, el que se divide en seis almuderas cada una de las cuales lleva doce cuartillos ...”

[5] Un canado de viño son aproximadamente 45,36 litros ( 1 canado = 6 almuderas ; 1 almudera = 7,56 litros) segun recolle para Bendilló o Catastro de Ensenada que fai a conversión da medida galega á medida castelá, e que nós trasladamos ao sistema métrico decimal.

[6] Neste caso supomos que se refire a líbra galega, que non é igual que a castelá e que equivale a 576 gramos.

[7] Como vemos o tema das medidas é un pouco confuso, posto que varian segundo o lugar, no Catastro de Ensenada hai varias preguntas que se dedican expresamente a aclarar as medidas propias de cada lugar, iso si, sempre traducidas ás medidas da época en Castela, o que tampouco nos aclara moito, en moitos casos úsase o mesmo nome para distintas medidas segun sexan de superficie ou de capacidade, como é o caso do Ferrado, co que traducir todas as medidas ao sistema metrico decimal supuxo moito traballo e xerou non poucas dúbidas, polo cal tentamos aproximarnos o máximo posible para obter unha idea xeral aínda que quizá non exacta ao cento por cento.

jueves, 18 de noviembre de 2010

BENDILLO NO CATASTRO DE ENSENADA DE 1752: PARTE I

Se queremos saber como era a sociedade e a economia da nosa aldea a mediados do s. XVIII é imprescindible consultar o Catastro de Ensenada de 1752, a coroa de España puxo en marcha este proxecto para recoller información de todos os lugares do país coa finalidade última de reunir os datos que lle permitisen pór en marcha unha única contribución.

Ao estudar o Catastro comprobamos que o interrogatorio sobre Bendilló celébrase á vez que o de Villaester polo que a información sobre ambas esta contida no mesmo documento, nós centrarémonos principalmente nos datos recollidos sobre a freguesía de Bendilló, nesta primeira parte analizaremos brevemente o que incumbe á xurisdición, impostos e oficios.

Bendilló era de xurisdición do señorío eclesiástico de Encomenda de Quiroga, propia da relixión dos cabaleiros de San Xoan de Malta ou Xerusalén, teñen pois o dominio xurisdiccional (isto significa que son a autoridade, cobran os tributos e imparten xustiza) e tamén teñen terreos que son do seu dominio directo e que están aforados.

O feito de que o reino de España queira instituir unha contribución única non é casual porque como imos ver son moi numerosos os impostos que teñen que pagar as xentes e deles só uns poucos van á coroa, o resto, a maior parte, cóbraos a Igrexa.

BENDILLO 1752

IMPOSTOS PARA A COROA

1.- Alcabalas e centos ........... 375 reais de vellón.

2.- Sisas, millóns e sisas de carne ..... 315 reais de vellón.

3.- Servicio ordinario e extraordinario ... 96 reais de vellón.

IMPOSTOS PARA A IGREXA

1.- Primicia ............ 43 ferrados e 1/2 de centeo mais 8 maravedies de vellón.

2.- Boto do Apostolo .............. 19 ferrados e maquila e 1/2 de centeo mais 7 canados e 8 quartillos de viño.

3.- Diezmos ........ sen determinar

É precisamente o diezmo o imposto mais gravoso de todos, aínda que o Catastro non apunta a cantidade, cousa que non é casual, era unha cantidade moito maior que a Alcabala e que a Primicia e viña sendo a décima parte de todas as ganancias.

No catastro de Ensenada recóllese que nese momento existía un preito entre Encomenda de Quiroga e os veciños de Bendilló que acudiron á xustiza do rei para non ter que pagar o imposto da Luctuosa, un tributo que se pagaba polos bens das persoas que falecían, como vemos a carga impositiva que tiñan que soportar as xentes de Bendilló era moi grande.

Segundo o catastro en Bendilló había neses momentos 42 veciños [1], entendendo por veciños as cabezas de familia, o número de habitantes sería maior; 54 casas, 25 adegas, 31 currais, 6 sequeiros e 10 casas arruinadas; tamén había un muíño fariñeiro no arroio de Peizais, ademais de 2 tabernas, unha nas casas da “Esfarrapa” e outra no pobo. Vivian entón na súa maioría labregos, segundo o catastro uns 28 que cultivaban as súas propias facendas, 2 aforados, 3 texedoras, 2 ferreiros, 1 carpinteiro, 1 molineiro e tamén unha muller pobre.

Todas estas xentes e os seus capitais debían de producir renda suficiente para o seu mantemento e para o pago dos numerosos impostos que pesaban sobre eles, como vemos Bendilló estaba incluído no réxime señorial galego, este correspondíase cunha organización do territorio de orixe medieval que fragmentaba o territorio e a administración dando lugar a un sistema bastante caótico que xunto á vixencia do sistema foral supuxo unha importante traba para o desenvolvemento da economía da nosa comunidade que como o resto do campo galego non se modernizará até a chegada do s. XX.



[1] Seguramente nesta cifra estean incluídos os veciños de Vilar de Mondelo que pertencian á feligresia de Bendilló.

viernes, 5 de noviembre de 2010

1899: CONSELLO DE FAMILIA

De novo temos nas nosas mans un trio de documentos que xuntos dannos unha vision de como era a vida dos nosos antepasados na aldea de Bendilló ala polo ano 1899:

Doc. nº1

12/02/1899 Acordo do Consello de Familia.

Doc. nº2

12/02/1899 Autorización de Antolin Lopez para que Jose Vidal administre o seu capital.

Doc. nº3

17/02/1899 Autorización para que Antolin Lopez ingrese no exército.

A continuación imos facer unha transcrición dos tres documentos que logo analizaremos mais polo miudo.

Doc. nº1: Trancripcion do acordo adoptado polo Consello de familia en 1899.

“En el pueblo de Bendillo, parroquia del mismo en el distrito de Quiroga, a dia doce del mes de febrero del año de mil ochocientos nobenta y nueve, reunido el consejo de familia que procede a los menores que quedaron del difunto Juan lopez de esta becindaz y an acordado lo que sigue a continuación: siendo puestos los bienes a edictos públicamente tres domingos seguidos y no abiendo interesados que quisiesen llebarlos por mas interes que el de satisfacer las contribuciones abemos dispuesto que por megoramiento en el cuidando y administración de los referidos bienes incluyendo también la parte de Francisco Lopez uno de los herederos que se encuentra ausente fuera de España y no se sabe su paradero se le deja en las mismas condiciones que la de los dos menores Faustina y Antolin y para que este documento sea valedero y surta el efecto que le corresponde lo firmamos a continuación el Consejo de Familia que son Vicente Nogueira, Manuel Rodríguez de Vilar, Manuel Mondelo tambien de Vilar, Martín Lopez y Ramon Losada [Firmas]”

Doc. nº2: Non mesmo arquivo[1] atopamos outro documento do mesmo ano no que Antolin López deixa unha autorización antes de ingresar non exercito para que ou seu cuñado Jose Vidal administre o seu capital.

“ Digo [...] Antolin Lopez vecino de Bendillo que encontrándome menor de edad pero con entendimiento para disponer lo que procede en este documento hallándome en situación de ausentarme del pays para ingresar en las filas es mi voluntad que lo que pertenece a la erencia de mis difuntos padres que quede encargado mi cuñado Jose Vidal de administrar y procurar mi capital sin poderle nadie reclamar que satisfacer las contribuciones asta mi regreso y para que coste espido el presente a doce de febrero del año de mil ochocientos nobenta y nueve. Siendo testigos Jose González y Joaquin Soto de Bendillo y Jose González de Vilar [Firmas]”

Doc. nº3: Trascripción literal do documento de autorización ante o concello de Quiroga para que Antolin López Rodríguez, de 18 anos de idade poida alistarse voluntario no exercito asinado polo seu titor José Vidal Nogueira.

“Autorización. En la casa consistorial de Quiroga a diez y siete de febrero de mil ochocientos noventa y nueve: ante el Sr. Alcalde D. Vicente Maria Alonso y mi secretario, comparecieron: Jose Vidal Nogueira, casado, labrador y vecino de Bendilló y Antolin Lopez Rodríguez, de diez y ocho años de edad huérfano de padre y madre y de la misma vecindad, manifestando el primero: que, como tutor del Antolin, nombrado por el consejo de familia, y puesto que dicho mozo desea ingresar en el ejercito como voluntario, desde ahora le concede la autorización o consentimiento necesario para dicho objeto. Fueron testigos de dicha manifestación D. Jose Casanova, D. Julio Taboada, quienes firman, de todo lo cual yo secretario interino certifico” [Firmas]”


Da análise destes documentos extraemos a conclusión de que a nosa comunidade labrega a finais do século XIX tiña un alto grao de organización e capacidade propia para tomas decisións relativas a bens e persoas e era capaz de artellar solucións ela mesma sen ter que acudir ao exterior, asi constatamos por escrito a existencia de consellos de familia cuxas decisións eran respectadas e cumpridas por todos como asi demostran estes documentos que analizamos, eles permítennos seguir o percorrido vital dunhas persoas da nosa aldea, o protagonista principal é Antolin López un mozo de 18 anos, que non é alleo ao contexto histórico que lle toco vivir, este non é outro que o dun pais que viña sufrindo varias guerras civís simultáneas, a de Cuba, a Carlista, etc.. que demandaron un gran número de homes para loitar, o que obrigou ás autoridades a impor o servizo militar forzoso que en teoría era para todos pero que en realidade recrutaba sobre todo aos mais pobres posto que os ricos pagaban para librarse do servizo, asi vemos como Antolin vai a filas, seguindo os pasos do seu irmán Francisco, que xa entón estaba na guerra en paradoiro descoñecido, cantos mozos da nosa aldea seguirían o mesmo camiño é algo que ignoramos, pero é posible que o caso que analizamos hoxe non fose o único.

[1] Arquivo persoal de Gertrudis Nogueira Vidal

lunes, 25 de octubre de 2010

DON JUAN: JUAN JOSE PRADO NOGUEIRA

Juan Jose Prado Nogueira coñecido por todos en Bendilló como DON JUAN , chegou a nosa aldea nos anos 50, aínda que xa antes andaba polo concello.

Orixinario de Ferrol, era fillo dun xeneral da Mariña, de profesión químico, a política non lle trouxo mais que dor. Contan os que o coñeceron que os seus pais os mataron os rusos, deixándoo orfo xunto os seus nove irmaos; despois seguindo a ideoloxía da súa familia (onde case todos eran militares) simpatizou ca falanxe e viuse envolto nalgún suceso que deu lugar a seu desterro por orde de Franco[1]. No curso da nosa investigación atopámonos ca existencia dunha serie de semellanzas entre a biografía de Juan Jose e a de Jose Luis Prado Nogueira que nos induce a pensar que posiblemente Jose Luis fose un dos nove irmaos de Juan Jose, de ser asi o noso protagonista seria irmao dun destacado poeta da xeneración da posguerra, que hoxe en día esta bastante esquecido pero que ten unha extensa obra poética entre a que destaca “Miserere en la tumba de R.N.” coa que gañou o premio nacional de literatura.

Retomando o noso fío condutor, Don Juan foi desterrado por Franco a un pobo das aforas de Madrid onde tiña que presentarse a Garda Civil cada pouco tempo, non sabemos que aconteceu pero o caso e que o noso protagonista voltou a Galicia, segundo nos contan veu dar clases os enxeñeiros que traballaban no salto de San Clodio, e ali foi onde coñece a veciños de Bendollo, Cereixido e Bendilló.

Nun primeiro intre vivirá en Cereixido, despois será acollido na casa do Gaspar en Bendollo e finalmente instalarase definitivamente en Bendilló.

En Bendilló non tiña casa nin diñeiro, naqueles tempos de posguerra tampouco había moitos cartos nas casas dos labregos da aldea, pero entre todos acollérono; paraba principalmente na casa da Pepa, e despois comía un día na casa dun veciño outro día noutra, non lle faltou un humilde prato de caldo que levar os beizos.

Os seus estudios fixeron posible que exercese de medico do pobo e de mestre, había que se buscar a vida, por iso él sempre foi Don Juan, foi un medico excelente segundo nos relatan os veciños, cando había alguén doente unha casa él velaba o enfermo toda a noite pois cada tres horas había que lle subministrar a Penicilina; as súas recetas preparábanas na farmacia de Quiroga sen dubidar un intre, como se foran feitas por un medico titular. Para gañar unhas pesetas daba clases particulares, e exerceu de mestre na escola do pobo, antes as señoritas da capital que lles tocaba dar escola nas aldeas e non querían vir a elas pagaban un substituto, o noso Don Juan foi suplente algún ano.

Nos primeiros anos que estivo no concello a Garda Civil levouno detido a Lugo, pero pronto foi posto en liberdade; durante moitos tempo non deu sinais de vida para a súa familia, ata que alguén púxose en contacto ca súa familia en Ferrol e desveloulles onde estaba Don Juan o que motivou a visita dos seus irmáns a Bendilló, nunca se viran na aldea xentes tan finas, os irmaos eran militares de alto rango e as irmás, a dicir das xentes, mozas moi elegantes e distinguidas. Don Juan non quixo voltar con eles para Ferrol e decidiu quedar ca súa “familia del pueblo” e cos seus amigos (foi moi amigo de Antonio Nogueria Abelaira do que xa falamos con anterioridade), aínda que a partir dese intre as súas condicións melloraron, xa dispuxo de mais cartos e comezou a viaxar a Madrid, onde tiña parte da familia e a Ferrol, nun deses viaxes a Madrid íalles prestar os veciños de Bendilló un importante servizo, encargáronlle a tarefa de intentar que lles fosen abonados uns cartos que se lles adeudaban pola expropiación dos terreos para facer a estrada e que as autoridades non daban pagado, a súa mediación foi un éxito e Don Juan conseguiu o pago das expropiacións.

Finalmente Don Juan, nos anos 70, caeu enfermo e foi coidado na casa da Pepa ata que a súa familia de Ferrol veu buscalo, pasou os seus derradeiros días nesa cidade, os veciños de Bendilló falan con respeto, admiración e cariño desa figura que foi un membro mais da nosa aldea nos tempos difíciles da posguerra.


[1] É dificil obter información sobre estes sucesos, a represión que exerceu Franco contra certos sectores da Falanxe esta pouco estudada e na prensa todo foi silenciado polo que non podemos aportar moita luz sobre este episodio.